jueves, 28 de febrero de 2013

Artigo en contra.

Son moitos os que ultimamente se cuestionan se está a aumentar a conciencia dun consumo responsable entre os mozos, neste contexto de crise que dende non hai moito nos rodea e que provoca a necesidade de axustarse o cinto no seo de milleiros de familias neste noso país.
Baixo o meu punto de vista, a resposta á devandita cuestión é de sobra coñecida e obvia, desgraciadamente a poboación non se está a concienciar, especialmente os adolescentes.
Para argumentar a miña anterior afirmación apoiareime nunha serie de estatísticas relacionadas cos gastos dos adolescentes en novas tecnoloxías, alimentación e vestimenta. Segundo estas estatísticas a mocidade do noso Estado ten 1’78 teléfonos móbiles ao ano, o que implica que cambian de móbil polo menos unha vez ao ano; só un 4% non o teñen e xa son un 33% os mozos que chegan a ter até catro aparellos, nestes datos podemos observar non só a pouca concienciación dos adolescentes ante a etapa que estamos a vivir, senón tamén a súa falta de conciencia ecolóxica, xa que para fabricar tanto teléfonos móbiles como calquera outro tipo de aparellos tecnolóxicos é necesaria a utilización do coltán, cuxa extracción provoca un enorme deterioro do ecosistema. Tamén está probado que os mozos gastan de media 155 euros mensuais, sen ter en conta os cartos que seus pais gastan neles para satisfacer as súas necesidades reais; esta cantidade repártese da seguinte maneira: 20 euros en aparellos tecnolóxicos, 26 en roupa e 24 en comida. Outro dos argumentos nos que me baseo é a compra de produtos fabricados seguindo a idea da obsolescencia programada, obrigándote a ti mesmo a ter que mercar outro nun curto espazo de tempo, que por outra parte obrígache a deixar a un lado o método dos tres erres: reducir, reutilizar e reciclar. Tamén me gustaría mencionar a compra de produtos innecesarios que poderiamos fabricar perfectamente nos nosos fogares, sen necesidade de gastar cartos de maneira absurda e pouco responsable; e a falta de información sobre a industria artesanal, que provoca a falta de demanda e como consecuencia o peche de numerosos postos artesáns que fabrican produtos coa mesma calidade ca os feitos pola industria comercial, coa diferenza de que nesta última se prexudica o medio ambiente e se dan numerosos casos de explotación, mesmo infantil.
En conclusión, a mocidade , influída polos efectos desta sociedade egoísta e movida pola publicidade, non é capaz de ver máis aló das súas casas e é por iso que non comezarán a concienciarse até que a fame e as necesidades peten á súa propia porta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario